GALICIA LIDERA O CUSTO DA CERTIFICACIÓN PÚBLICA ECOLÓXICA EN ESPAÑA
- ECOGOB
- 10 dic 2025
- 3 Min. de lectura
En Galicia, estar certificado como operador ecolóxico custa máis que na maior parte das comunidades de España que contan cun sistema público de certificación.
Non se trata só dunha impresión estendida entre o sector galego; a análise comparada das tarifas autonómicas mostra que Galicia se sitúa de maneira consistente no tramo alto do custo estatal e que, cando se observan conxuntamente os perfís máis frecuentes —sector primario, operadores mixtos e empresas—, acaba encabezando o conxunto de doce comunidades autónomas españolas examinadas que certifican os alimentos ecolóxicos a través dun organismo público.
Para chegar a esta conclusión revisouse a información dispoñible dos consellos reguladores públicos: Galicia, Aragón, Navarra, Catalunya, Baleares, Castilla y León, Comunitat Valenciana, Euskadi, Murcia, La Rioja, Asturias e Madrid. Todos aplican modelos distintos, con cotas fixas, pagos por superficie, taxas por cabeza de gando, dereitos de control ou exaccións vinculadas ás vendas. O que interesa aquí non é detallar cada tarifa nin elaborar unha táboa interminable, senón situar Galicia dentro do mapa estatal.
Ese mapa deixa un patrón claro: Galicia encabeza o ranking xeral, seguida de Euskadi, Comunitat Valenciana, Murcia, Navarra e Aragón; a continuación aparecerían Baleares e Castilla y León; e xa na parte baixa, con sistemas máis accesibles, La Rioja, Asturias, Catalunya e Madrid. Galicia non é a máis custosa en todos os perfís concretos de actividade, pero nunca aparece entre as económicas, e a acumulación de impactos sitúaa como o sistema público máis custoso de España.
No sector primario, Galicia móvese nun tramo medio–alto: non lidera o custo absoluto, pero tampouco se achega ás comunidades máis accesibles. Para pequenas explotacións, hortas familiares ou granxas de reducido tamaño, o pago anual pola certificación supón unha carga que condiciona a continuidade. Esta realidade acentúase nos operadores mixtos, moi habituais en Galicia, onde agricultura e gandería conviven na mesma explotación. O CRAEGA mantén unha particularidade que encarece de maneira notable este perfil: a obriga de obter certificacións separadas para cada actividade. Este dobre procedemento non existe noutros territorios e contribúe a que Galicia destaque negativamente neste segmento.
Para elaboradores, transformadores, comercializadores e importadores, o modelo galego combina cotas fixas con exaccións vinculadas ás vendas. Aínda que nalgúns casos concretos outras comunidades poden ter cotas máis elevadas, Galicia mantense de maneira estable no tramo alto. O feito de que nunca descenda aos niveis das comunidades máis accesibles, sumado ao impacto doutros perfís, explica que ocupe o primeiro posto no ranking global.
O custo da certificación non é o único elemento que preocupa ao sector. A transparencia económica e a xustificación das decisións tamén condicionan a confianza na xestión do consello regulador.
O Consello de Contas de Galicia documentou que o CRAEGA acumulara máis de 400.000 euros de superávit real nos exercicios 2018 e 2019, malia declarar equilibrio contable neses mesmos anos. A existencia desta marxe non se traduciu nin en baixadas de cotas nin nun reforzo coñecido dos servizos ao sector, e tampouco se explicou publicamente o destino ou a necesidade de acumular excedentes.
A isto súmase a recente compra dunha nova sede en Lugo e o peche da oficina histórica de Monforte de Lemos, unha decisión adoptada sen consenso e sen unha memoria pública que detalle os custos da operación, os motivos organizativos ou o impacto real sobre o funcionamento do consello. Para un organismo que xa se sitúa como o máis custoso do Estado, a falta de claridade sobre cambios estruturais deste calibre incrementa as dúbidas.
A consecuencia é que o modelo de certificación galego, lonxe de favorecer a incorporación de novos operadores, convértese nun obstáculo para moitas explotacións pequenas, operadores mixtos e proxectos empresariais de baixa escala. Nun contexto no que Galicia podería consolidar unha produción ecolóxica forte e orientada ao territorio, os custos elevados e a falta de adaptación do modelo dificultan ese avance.
Desde o Colectivo Ecogob seguimos reclamando o que debería ser básico nun organismo público financiado polas cotas dos operadores: transparencia. O ecolóxico é unha oportunidade para o rural, pero só será un futuro posible se a certificación deixa de ser unha carga excesiva e pasa a ser un aliado.
Animamos a todas as persoas interesadas a apoiar e asinar a iniciativa aberta por Ecogob, que reclama luz, explicacións e unha reforma necesaria para garantir que a certificación ecolóxica en Galicia responda ás necesidades reais do sector e non ás inercias dun modelo que quedou atrás. Firma!
Fontes consultadas
Memoria CRAEGA 2023: https://www.craega.es/wp-content/uploads/2023/04/Memoria-2023.pdf Cotas CRAEGA:
Cotas CAAE:
https://aragonecologico.com/wp-content/uploads/2024/10/T1-04_PV_merged.pdf
https://aragonecologico.com/wp-content/uploads/2024/10/C1-05_PV_merged.pdf
Cotas COPAE:
Cotas CBPAE:
Cotas CCPAE:
Cotas EKOLURRA:
Cotas CAEM:
Cotas CAERM:
Cotas CPAER:
Informes do Consello de Contas de Galicia:
Informe de resultados dos programas de control da produción ecolóxica 2024 (MAPA):



Comentarios