top of page
Buscar

PREGUNTAS FRECUENTES

  • ECOGOB
  • 2 dic 2025
  • 3 Min. de lectura

Actualizado: 26 dic 2025

Que é ECOGOB?

ECOGOB é unha iniciativa cidadá impulsada por persoas vinculadas ao sector ecolóxico galego que comparten unha preocupación común pola transparencia, a rendición de contas e o bo goberno na certificación ecolóxica pública en Galicia.

Cal é o obxectivo de ECOGOB?

O obxectivo é contribuír a un modelo de certificación ecolóxica pública máis transparente, máis comprensible para o sector e máis robusto desde o punto de vista institucional. A medio prazo, aspírase a que este debate derive en melloras reais na gobernanza e na confianza do sistema.

Quen forma parte de ECOGOB?

ECOGOB está impulsado por persoas relacionadas co sector ecolóxico (produtoras, elaboradoras, comercializadoras, persoas técnicas e outras sensibilizadas coa certificación pública). Non responde a intereses individuais nin partidistas.

Que accións está a levar a cabo ECOGOB?

Ata o momento, ECOGOB centrou a súa actuación en vías estritamente legais: presentación de solicitudes formais de información e documentación a través das canles institucionais correspondentes (AGACAL, Consello de Contas), co obxectivo de poñer esa información a disposición pública para a súa valoración.

Como podo sumarme ou recibir máis información?

Pódese contactar co colectivo para recibir información en colectivoecogob@gmail.com ou expresar apoio —público ou privado— firmando a inciativa aquí.

ECOGOB cuestiona o modelo de certificación pública?

Non. ECOGOB defende un modelo público sólido, rigoroso e fiable. Precisamente por iso considera imprescindible que exista información clara, rendición de contas e boa gobernanza.

ECOGOB está en contra do CRAEGA?

Non. ECOGOB non nace contra o CRAEGA nin contra ningunha persoa ou institución. O seu obxectivo é contribuír a mellorar o funcionamento da certificación ecolóxica pública mediante o exercicio de dereitos recoñecidos pola lei, como o acceso á información e a solicitude de documentación pública.

É necesario facer público o meu nome para apoiar a iniciativa?

Non. Un dos maiores malentendidos arredor de ECOGOB é pensar que apoiar a iniciativa implica “poñer o nome” ou expoñerse publicamente. O apoio pode ser privado. Só se fai público o nome das persoas ou entidades que expresamente deciden facelo.

Que significa apoiar ECOGOB?

Significa estar informada/o do que se está a facer, recibir actualizacións, compartir reflexións ou documentación, participar e acompañar a iniciativa sen necesidade de adhesión pública nin visibilidade externa se así o consideras.

Hai riscos por apoiar unha iniciativa así?

ECOGOB actúa dentro do marco legal e promove unha participación colectiva, informada e respectuosa. A acción compartida reduce a exposición individual e reforza a lexitimidade das peticións. En todo caso, cada persoa decide libremente o seu nivel de implicación.

Por que debería interesarme ECOGOB como produtora/or?

Porque a certificación ecolóxica condiciona directamente os teus custos, os teus tempos e a viabilidade do teu proxecto. ECOGOB busca que as decisións que afectan ao sector se expliquen mellor, se documenten e sexan comprensibles para quen sostén o sistema co seu traballo diario.

En que me afecta isto como industria ou tenda?

As taxas, os criterios de certificación e as decisións organizativas do CRAEGA teñen impacto directo nos teus custos, na túa planificación e na relación co consumidor final. ECOGOB quere contribuír a que ese marco sexa máis transparente e previsíbel.

ECOGOB defende os intereses dos pequenos proxectos?

ECOGOB non representa intereses particulares, pero nace da preocupación compartida de persoas que perciben desequilibrios no sistema. A transparencia é unha condición básica para que os proxectos pequenos non queden en desvantaxe estrutural.

Apoiar ECOGOB pode traerme problemas coa certificación?

ECOGOB actúa exclusivamente por vías legais e colectivas. O apoio pode ser discreto e privado. Non hai necesidade de exposición pública nin adhesión nominal. Só se fai público o nome de quen así o decide expresamente.

ECOGOB representa ao persoal do CRAEGA?

Non. ECOGOB non fala en nome de ningún colectivo laboral nin substitúe a ningunha representación. É unha iniciativa cidadá impulsada por persoas do sector con preocupacións compartidas sobre o funcionamento institucional.

Cara a onde imos?

O camiño decidirase colectivamente. A curto prazo, garantir acceso á información. A medio prazo, abrir un debate máis amplo sobre gobernanza, custos e funcionamento da certificación ecolóxica pública.


 
 
 

Comentarios


Ya no es posible comentar esta entrada. Contacta al propietario del sitio para obtener más información.
bottom of page