top of page
Buscar

BENVIDO 2026. MÁIS INFORMACIÓN, MÁIS SECTOR

  • ECOGOB
  • hace 4 días
  • 3 Min. de lectura

Nas últimas semanas, dende ECOGOB estamos a recibir moitas comunicacións privadas de persoas e entidades do sector ecolóxico galego. Produtoras, elaboradoras, tendas e consumidores que comparten preocupacións semellantes ás que deron lugar a esta iniciativa. Moitas delas amosan apoio explícito ao que se está a facer; outras expresan dúbidas, reservas ou simplemente prudencia. Hai algo que nos chama a atención: ese apoio silencioso convive cun certo temor a participar de maneira activa, como se pedir información ou reclamar transparencia puidese interpretarse como un xesto hostil. Nada máis lonxe da realidade.

ECOGOB non nace contra ninguén nin desde unha lóxica de confrontación. Non estamos en guerra con ningunha institución nin con ningunha persoa. O que nos move é algo moito máis básico e, ao tempo, máis profundo: a convicción de que cumprir a lei, garantir o dereito á información e explicar as decisións que afectan ao sector é a mellor maneira de coidar a certificación ecolóxica pública en Galicia.

O CRAEGA exerce funcións públicas esenciais ao certificar, controlar e autorizar o uso do selo ecolóxico oficial, funcións que lle son atribuídas por norma e cuxo exercicio produce efectos xurídicos directos e obrigatorios sobre os operadores certificados. O acceso e a permanencia no sistema de certificación dependen necesariamente das súas decisións, sen que exista outra alternativa en Galicia. Para o exercicio destas funcións, o CRAEGA percibe taxas de carácter obrigatorio, impostas aos operadores como condición necesaria para o desenvolvemento dunha actividade regulada, polo que tales ingresos presentan unha natureza materialmente pública, con independencia da cualificación formal que se lles atribúa.

Este marco —exercicio de potestades públicas acompañado da percepción de ingresos obrigatorios— determina de maneira directa e inexorable a suxeición do CRAEGA ás obrigas de transparencia, motivación e rendición de contas previstas na normativa vixente.

En particular, resulta esixible a motivación suficiente das decisións que afecten ás condicións económicas ou ao réxime aplicable aos operadores, a xustificación documentada do destino dos fondos obtidos mediante taxas, así como a facilitación do acceso á información pública polos procedementos legalmente establecidos. Estas obrigas non constitúen unha facultade discrecional nin unha concesión voluntaria da entidade, senón unha consecuencia necesaria do exercicio de funcións públicas nun Estado democrático de dereito, sometido aos principios de publicidade, control e responsabilidade.


Con todo, detectamos que existe un malentendido de fondo que cómpre aclarar.


Apoiar ECOGOB non implica “poñer o nome”, "sinalarse" "nin expoñerse publicamente". A iniciativa permite e respecta o apoio de maneira privada. Só se fai público o nome das persoas ou entidades que así o manifesten expresamente, algo que agradecemos pola súa valentía.


Moitas colaboracións chegan e seguirán chegando por canles discretas, e iso é perfectamente lexítimo.

ECOGOB non responde a intereses particulares nin a conflitos individuais. Non é unha plataforma dun grupo concreto nin dunha situación persoal. Xorde dun conxunto de persoas que, dende ámbitos distintos, comparten unha preocupación común: que se están tomando decisións relevantes sen información suficiente, sen debate aberto e sen unha explicación pública clara.

A compra dunha nova sede e o conflito laboral asociado foron, para moitas persoas, a gota que colmou o vaso. Pero non son o fondo da cuestión, senón a punta visible dun debate máis amplo sobre gobernanza, transparencia e rendición de contas.


Por iso, as primeiras accións do colectivo foron deliberadamente prudentes e legais: solicitudes formais de documentación a través das canles institucionais correspondentes, dirixidas a AGACAL para que as traslade ao CRAEGA, e solicitudes paralelas ao Consello de Contas. Sen acusacións, sen xuízos de intención, sen afirmacións que non poidan sosterse con documentos públicos. Só exercendo un dereito recoñecido.

Sabemos que o CRAEGA é o único organismo de certificación ecolóxica en Galicia e que iso xera unha relación de dependencia inevitable. Precisamente por iso é importante lembrar que a forza non está na exposición individual, senón na acción colectiva informada.

Un sector que pide explicacións con serenidade, amparándose na lei e actuando de maneira compartida, non debilita a certificación pública: fortalécea.


ECOGOB é, hoxe, un comezo. Un espazo aberto, aínda en fase inicial pero cun obxectivo claro: contribuír a que o sector ecolóxico galego sexa máis forte, máis xusto e máis transparente. No futuro, agardamos que este camiño poida traducirse en formas máis estables, con estructura formal e consolidación legal, pero sobre todo con participación e control democrático. De momento, o primeiro paso é simple: informarse, compartir, acompañar.


2026: o ano de facer ben as cousas

Comezamos 2026 cunha idea clara: este é o ano de normalizar a transparencia no sector ecolóxico galego.

De pedir información sen medo. De falar con datos. De participar sen sinalamentos. De entender que a certificación ecolóxica pública só pode ser sólida se tamén é comprensible, explicable e aberta ao escrutinio sereno de quen a sostén.

Sumarse á iniciativa —de maneira pública ou privada— non é un acto de confrontación. É un exercicio de responsabilidade colectiva. Porque pedir información, cando se fai con rigor e respecto, non debilita o sector ecolóxico. Axúdao a medrar mellor.


Feliz 2026!!!

 
 
 

Comentarios


bottom of page