ANATOMÍA DO CRAEGA - PARTE I: MODELO DE GOBERNANZA
- ECOGOB
- 11 dic 2025
- 3 Min. de lectura
Actualizado: 21 dic 2025
O CRAEGA é a autoridade pública que determina quen pode comercializar alimentos como ecolóxicos en Galicia; sen o seu selo, ningún operador pode acceder ao mercado baixo esta denominación. Esta realidade afecta tanto a grandes industrias como a pequenas explotacións familiares. Sen embargo, a gobernanza do organismo non reflicte de maneira proporcionada o peso do sector produtor, que representa a maioría dos operadores certificados e que contribúe de forma esencial ao financiamento do consello a través das taxas que soportan o sistema.
O Pleno, órgano que concentra todo o poder de decisión do Consello Regulador, está composto por trece vogalías sectoriais ás que se suma a presidencia, o que eleva a representación total a catorce persoas. Esta configuración responde á normativa habitual: o Pleno elixe unha presidencia entre os seus membros, pero esa presidencia non substitúe ningunha vogalía nin resta representación a ningún sector, polo que o número total de persoas con voto ascende a catorce.
O deseño das vogalías, con seis para o sector produtor e sete para o sector industrial e comercializador, garante desde o inicio unha maioría industrial estable.
A última renovación do Pleno, en marzo de 2023, confirmou este desequilibrio. As vogalías do sector produtor foron asumidas por tres organizacións agrarias distintas, mentres que o sector industrial accedeu ao Pleno cunha candidatura única presentada polo Clúster da Alimentación Ecolóxica de Galicia, que ocupou as sete vogalías dispoñibles de forma cohesionada. O resultado inmediato foi un bloque industrial con capacidade matemática para aprobar calquera decisión sen necesidade de acordo.
A presidencia non modifica este equilibrio estrutural: nas votacións conta cun único voto, igual que o resto dos membros, e non dispón de ningún mecanismo compensatorio. Só se todas as vogalías produtoras coincidisen nunha mesma posición podería producirse un empate. En calquera outra circunstancia, a maioría industrial mantense intacta.
Esta arquitectura institucional contrasta coa realidade do sector ecolóxico galego. Segundo a Memoria 2023, existen 1.552 operadores certificados: 1.172 produtores e 380 industrias ou comercializadores. O sector industrial, que representa arredor do 24,5 % do total, dispón do 53,8 % do poder de voto. O sector produtor, que concentra aproximadamente o 75,5 % dos operadores, conta co 46,2 % da representación.
O financiamento do organismo acrecenta esta disparidade. O Consello de Contas de Galicia indica que arredor do 74 % dos ingresos correntes do CRAEGA proceden das taxas pagadas polos operadores. Tendo en conta que máis do 75 % destes operadores son produtores agrarios, a maior parte da carga financeira recae de facto sobre o sector produtor, polo tanto, o sistema é sostido economicamente polo sector produtor, mais gobernado por unha maioría industrial que non require do seu apoio para orientar a acción do organismo.
A isto súmase unha capacidade limitada de supervisión pública. O CRAEGA non publica actas nin explicacións detalladas das súas decisións, e as memorias institucionais dispoñibles non permiten reconstruír como se producen os procesos internos nin que criterios se empregan para adoptar acordos clave. A gobernanza dun consello regulador público cunha influencia tan directa sobre o territorio debería ser máis accesible tanto para o sector afectado como para a cidadanía. Esta cuestión —a falta de transparencia e a dificultade para seguir o rastro das decisións— será abordada en detalle na Parte II desta serie, onde analizaremos que información se fai pública, cal non e cal debería ser accesible nun organismo deste carácter.
A cuestión central non é confrontar sectores, senón avaliar se o modelo actual garante unha representación equilibrada nun sistema financiado maioritariamente por explotacións agrícolas e gandeiras. Nun contexto onde o ecolóxico medra e gaña relevancia social, é lexítimo preguntarse se a estrutura do CRAEGA responde á realidade do sector ou a un deseño institucional que non foi revisado á luz das súas transformacións.
Desde Ecogob impulsamos este debate porque entendemos que a transparencia e a proporcionalidade son condicións esenciais para un sistema público de certificación sólido. Se compartes esta visión, convidámoste a sumar a túa voz e asinar pola transparencia no CRAEGA.
COMPOSICIÓN DO PLENO DO CRAEGA (2023)
Sector produtor (6 vogalías):
– Alberto Amil Chaves (Horsal S. Coop. Galega)
– Ana María Corredoira Vázquez (Granxa A Cernada S.C.)
– María Concepción Blanco Montecelo (Casa Bértolo S.C.)
– Mónica Brey Baltar (produtora de mazá)
– Sergio Boado Seoane (Granxas de Lousada S.C.)
– José Manuel Oubiña Rial (produtor)
Sector industrial/comercializador (7 vogalías):
– Antonio Muíños Insua (Portomuiños S.L.)
– Gonzalo Hermida Carreiras (Camperos Villalba S.L.)
– Juan Carlos Juncal (Dime Salnés S.L.)
– Carmén Rey Carracedo (Leche de Galicia S.A.)
– Miguel Casal Fernández (Novafrigsa S.A., Grupo Coren)
– Rocío Freire Rodríguez (Alibós Galicia S.L.)
– Sotero Sampedro Castro (Celtaverde S.L.)
A presidencia e vicepresidencias escóllense entre as persoas listadas e non engaden representación adicional; consumen unha das vogalías existentes.
FONTES CONSULTADAS
CRAEGA — Organigrama e composición do Pleno:
Memoria CRAEGA 2023:
Orde electoral oficial (DOG nº 214, 10/11/2022):
Consello de Contas de Galicia:



Comentarios