top of page
Buscar

ANATOMÍA DO CRAEGA — PARTE II: MODELO DE TRANSPARENCIA

  • ECOGOB
  • 13 dic 2025
  • 3 Min. de lectura

Actualizado: 21 dic 2025

Na primeira entrega desta serie analizamos como está distribuído o poder dentro do CRAEGA e verificamos que a maioría industrial no Pleno condiciona estruturalmente a toma de decisións. Esa arquitectura institucional explica quen decide. Pero para entender como funciona realmente o organismo é necesario examinar unha segunda cuestión: que pode coñecer o sector e a cidadanía sobre esas decisións, a súa execución e a súa xestión interna?. É aquí onde entra o modelo informativo do consello regulador.


O CRAEGA é unha corporación de dereito público que xestiona unha función reguladora exclusiva e que se financia maioritariamente coas taxas obrigatorias que pagan os seus operadores. Nesta posición, a transparencia non é un elemento accesorio nin voluntario: é unha obriga legal e unha condición elemental de responsabilidade institucional. Tanto a Lei estatal 19/2013 coma a Lei galega 1/2016 establecen que entidades deste tipo deben publicar información suficiente para comprender a súa estrutura, o seu funcionamento, o destino dos recursos públicos e os criterios cos que actúan.


Cando se examina o que o CRAEGA publica hoxe, a distancia respecto deste mínimo legal é evidente. Existen datos sectoriais —operadores, superficie, produción, vendas—, pero falta a documentación imprescindible para comprender o funcionamento do consello regulador: contas anuais completas, execución orzamentaria, detalle de gastos, información sobre persoal ou informes de actividade que expliquen como se toman e se executan as decisións. Sen estes documentos non é posible seguir o rastro da xestión nin avaliar como se administran as taxas e/ou axudas que financian o sistema.

Para visualizar con claridade esta situación, elaboramos a seguinte matriz de cumprimento das obrigas de publicidade activa, baseada exclusivamente na información publicamente dispoñible na web institucional do CRAEGA:


MATRIZ DE CUMPRIMENTO

1. Información institucional, organizativa e de planificación (art. 6 Lei 19/2013)

Obrigación

Publicación requirida

Publicado?

Cumprimento

Funcións da entidade

Descrición das funcións públicas

Si

Cumpre

Organigrama e composición

Estrutura, cargos, vogalías

Si

Cumpre

Normativa aplicable

Regulamento e modificacións

Si

Cumpre

Plans e programas

Plan anual, obxectivos, avaliacións

Non

Incumpre

2. Información sobre persoal (art. 10 Lei 1/2016)

Obrigación

Requirimento

Publicado?

Cumprimento

Relación de postos de traballo

Estrutura de persoal

Non

Incumpre

Número e tipo de persoal

Datos de efectivos

Non

Incumpre

Retribucións de altos cargos

Información salarial e/ou indemnizacións

Non

Incumpre

3. Información económico-orzamentaria (art. 8 Lei 19/2013 e art. 11 Lei 1/2016)

Obrigación

Requirimento

Publicado?

Cumprimento

Orzamentos anuais

Aprobado e executado

Non

Incumpre moi grave

Contas anuais e auditorías

Balance, memoria, informes

Non

Incumpre moi grave

Información financeira

Financiamento e ingresos

Non

Incumpre

Período medio de pagamento

Dato obrigatorio

Non

Incumpre

Indicadores económicos

Gasto por áreas

Non

Incumpre

4. Información patrimonial (art. 12 Lei 1/2016)

Obrigación

Requirimento

Publicado?

Cumprimento

Relación de bens patrimoniais

Inmobles, vehículos, etc.

Non

Incumpre

5. Convenios (art. 8 Lei 19/2013 e art. 15 Lei 1/2016)

Obrigación

Publicado?

Cumprimento

Texto íntegro dos convenios

Non

Incumpre

Modificacións e extincións

Non

Incumpre

6. Subvencións (art. 8 Lei 19/2013 e art. 17 Lei 1/2016)

Obrigación

Publicado?

Cumprimento

Axudas recibidas pola entidade

Non

Incumpre

O resultado é claro: o CRAEGA cumpre coas obrigas máis básicas de identificación institucional, pero incumpre sistematicamente as obrigas económico-financeiras, laborais e documentais, que son precisamente as que permiten avaliar a súa actividade, a xestión dos recursos e a aplicación das decisións adoptadas polo Pleno, polo tanto, o funcionamento interno do organismo queda fóra do alcance do sector que o financia e da cidadanía que depende del.


Desde Ecogob defendemos que a transparencia non é un fin en si mesma, senón unha condición necesaria para que exista responsabilidade pública. Por iso impulsamos unha iniciativa cidadá que solicita ao CRAEGA o cumprimento estrito das súas obrigas legais de publicidade activa. Se consideras que un organismo público debe explicar con claridade como funciona, convidámoste a asinar pola transparencia. Aclarar é avanzar.


FONTES CONSULTADAS

– Web institucional


– Lei estatal 19/2013, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno


– Lei galega 1/2016, de transparencia e bo goberno

 
 
 

Comentarios


bottom of page