top of page
Buscar

ANATOMÍA DO CRAEGA - PARTE III: MODELO FINANCEIRO

  • ECOGOB
  • 14 dic 2025
  • 3 Min. de lectura

Actualizado: 21 dic 2025

Nas dúas primeiras entregas desta serie analizamos dous piares fundamentais da estrutura do CRAEGA: o modelo de gobernanza e o modelo de transparencia. Na Parte I comprobamos que o Pleno como órgano de goberno nace cun desequilibrio estrutural entre sectores, cun bloque industrial maioritario na toma de decisións. Na Parte II mostramos que a información económico-institucional esencial non está dispoñible, o que impide avaliar como se executan as decisións adoptadas por ese Pleno. Esta terceira parte completa o conxunto: quen paga o sistema e como se distribúe a carga financeira entre operadores?.


O acceso á certificación é obrigatorio para operar como ecolóxico en Galicia, e o custo está definido nun anexo público de cotas. O modelo combina tres elementos: taxas fixas por expediente, cotas anuais segundo o tipo e tamaño do operador, e unha exacción do 0,5 % sobre as vendas certificadas. As taxas fixas son 81 euros pola inscrición, 200 pola apertura de expediente e 70 pola renovación anual.

A cota anual polo servizo de control e de certificación sitúase, por exemplo, entre 105 euros para unha explotación vexetal de menos de 1 ha (PV1 - menos de 1 Ha) e 351 euros para unha explotación de máis de 30 ha (PV6 - superior a 30 Ha); no ámbito industrial, entre 190 euros (IE1 - facturación menor de 75.000 €) e 410 euros (IE6 - facturación maior a 1.500.000 €).


Sobre esta estrutura opera un elemento decisivo: a exacción do 0,5 % sobre as vendas. O anexo establece que, cando a suma das exaccións iguala ou supera o importe da cota anual de certificación, esta non se aplica. Así, operadores con vendas medias ou altas pagan esencialmente unha porcentaxe, mentres que operadores con vendas pequenas deben asumir o bloque completo das taxas fixas e da cota anual, ademais dos custos complementarios.


A primeira cuestión evidente deste deseño é a carga que recae sobre as novas incorporacións, que afrontan o maior custo do sistema: a suma de inscrición, apertura e primeira renovación, máis a cota anual correspondente. Para unha pequena explotación vexetal, o importe inicial supera os 400 euros antes de considerar a exacción e a etiquetaxe. Para explotacións pequenas ou que se incorporan progresivamente ao ecolóxico, este impacto inicial ten un peso proporcionalmente alto en relación á súa actividade económica.


A segunda cuestión relevante é o caso dos operadores mixtos, é dicir, aqueles que son simultaneamente produtores primarios e elaboradores. O CRAEGA considera que estas dúas actividades responden a procesos de certificación diferentes e, en consecuencia, obriga ao pagamento de dúas cotas anuais de certificación: unha correspondente á produción primaria e outra á actividade industrial ou de transformación. Para pequenas explotacións que comezan a elaborar unha parte da produción —por exemplo, que pasan de vender uva a elaborar viño, ou de producir mazá a elaborar zume—, este salto introduce un custo adicional que pode multiplicar por dous a parte fixa da certificación. No marco dun sector onde unha ampla maioría dos operadores son pequenos produtores, este aspecto é determinante para comprender quen soporta un maior esforzo económico relativo.


A comparación interna axuda a visualizar estas dinámicas. Unha explotación PV1 (menos de 1 Ha) paga 105 euros de certificación fronte aos 351 dunha PV6 (superior a 30 Ha), unha diferenza de pouco máis de tres veces. Sen embargo, a superficie mínima que separa ambas categorías é de trinta veces, polo que o custo relativo por hectárea é moito maior para as pequenas explotacións.

No caso industrial, a diferenza entre os 190 euros dun IE1 (facturación menor de 75.000 €) e os 410 dun IE6 (facturación maior a 1.500.000 €) é moi reducida fronte á diferenza potencial de facturación entre ambos tramos. Cando o mecanismo da exacción entra en xogo, estes efectos acentúanse: pequenos operadores soportan unha parte impositiva fixa que non desaparece, mentres que operadores con vendas elevadas sitúanse cara a un sistema puramente porcentual.


Segundo a Memoria 2023 do CRAEGA, o sector produtor representa arredor do 75,5 % dos 1.552 operadores certificados. O Consello de Contas indica que preto do 74 % dos ingresos correntes do organismo proceden das taxas que paga o conxunto destes operadores. A combinación destes datos coa estrutura de cobros permite formular unha pregunta central: quen está a soportar proporcionalmente máis esforzo económico para manter en marcha o sistema de certificación obrigatoria?


Desde Ecogob entendemos que comprender o modelo de gobernanza, o de transparencia e o financeiro é imprescindible para avaliar o modelo actual e para avanzar cara a unha certificación ecolóxica que sexa sólida, equilibrada e coherente coa realidade do sector galego. Se cres que o sector ten dereito a coñecer as regras que configuran o seu acceso ao mercado, convidámoste a asinar pola transparencia.


FONTES CONSULTADAS


– Anexo de Cotas do CRAEGA (2023):


– Memoria CRAEGA 2023:


– Informe de fiscalización do Consello de Contas de Galicia (2018–2019):


 
 
 

Comentarios


bottom of page