top of page
Buscar

E AGORA? UNHA DECISIÓN E AS SÚAS CONSECUENCIAS

  • ECOGOB
  • 8 dic 2025
  • 3 Min. de lectura

Actualizado: 10 dic 2025

O traslado da sede do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) provocou desde o inicio dous impactos profundos: unha tensión interna no persoal afectado e un incremento significativo dos custos dunha operación cuxo alcance económico aínda non foi explicado publicamente. Ambos efectos apareceron en paralelo e condicionan hoxe o funcionamento dun organismo que opera cunha estrutura máis pequena, máis cara e máis tensionada que antes da decisión.


A decisión fíxose visible de forma pública en marzo de 2024, cando La Voz de Galicia publicaba que o CRAEGA adquirira un local en Lugo para trasladar alí a súa sede. A partir dese momento o debate instalouse na esfera mediática e política. A nivel interno, foron moitos meses de incerteza xa que as persoas afectadas reclamaban información clara sobre o seu futuro laboral, pero —segundo distintas fontes consultadas— a entidade non abriu un proceso real de diálogo nin facilitou alternativas negociadas. O proceso culminou en agosto de 2025, co peche definitivo da sede de Monforte, a localización histórica do consello regulador.


Doce foron as persoas afectadas. Tres persoas foron reubicadas no edificio do CFEA, cedido pola Xunta de Galicia, para manter unha mínima presenza na cidade ( non se precisou publicamente se esta reubicación é provisional ou estable). Dúas persoas que ocupan os postos executivos de Secretaría e Dirección Técnica aceptaron o traslado nun contexto distinto ao da maioría do persoal, ambas residían na cidade de Lugo desde había anos por decisión persoal, polo que o cambio non supuña unha alteración substancial na súa situación.


Das sete restantes e ante a falta dun espazo de negociación real, levou a que dúas persoas optasen por abandonar o CRAEGA mediante acordos indemnizatorios, ao considerar que o traslado lles deixaba un futuro laboral incerto. As outras cinco decidiron acudir á vía xudicial. Unha delas chegou a un acordo indemnizatorio antes da celebración do xuízo e retirou a demanda. Outra, segundo fontes próximas ao proceso, retirou a demanda ante a posibilidade real de perder o seu posto de traballo, algo especialmente crítico pola súa situación persoal, e aceptou, a pesar de todo, incorporarse á sede de Lugo. As outras tres continuaron adiante. Celebrado o xuízo, dúas obtiveron resolucións firmes que recoñecen o seu dereito a manter o posto de traballo en Monforte de Lemos. A terceira continúa pendente de xuízo.


No plano económico, o impacto tamén é relevante. A compra do inmoble de Lugo formalizouse por 180.000 euros, segundo recolleu a prensa o 2 de abril de 2024. A isto haberá que engadir o custo das obras de reforma, ademais dos gastos legais e administrativos derivados de todo o proceso laboral. Tamén deben considerarse as indemnizacións asociadas ás persoas que deixaron ou poidan deixar o organismo, contías que previsiblemente non serán pequenas, dada a longa antigüidade de boa parte do cadro laboral.


Esta situación toma maior relevancia se se lembra o que o Consello de Contas detallou nos exercicios 2018–2019: o CRAEGA acumulou máis de 400.000 euros de superávit real malia declarar equilibrio contable. Nos artigos anteriores desta serie analizamos tanto esa anomalía contable como o percorrido do inmoble adquirido, marcado por procesos de execución, subastas sen éxito e períodos de abandono antes de volver ao mercado a través de servicers inmobiliarios (o CRAEGA non mercou un local corrente do mercado libre, senón un activo procedente de procesos xudiciais e bancarios). A pesar de todo isto, non existe unha memoria pública que explique que avaliación técnica, económica ou funcional levou ao consello regulador a descartar tres alternativas públicas sen custo —o CFEA, o edificio ExpoLemos e o Pazo de Tor— para optar pola compra dun espazo privado que esixía unha reforma integral.


O resultado é un organismo máis caro de manter, cunha capacidade técnica máis limitada e unha presión organizativa maior. Para un consello regulador que obtén arredor do 74 % dos seus ingresos correntes das taxas que pagan os operadores ecolóxicos, segundo o Consello de Contas, a ausencia de información pública sobre o custo total da operación e sobre como se garantirá a continuidade e calidade do servizo supón un déficit de transparencia significativo.


Desde o Colectivo Ecogob seguimos solicitando documentación, datos e explicacións claras. Operadores, profesionais e cidadanía teñen dereito a saber como se toman decisións que condicionan o futuro da certificación ecolóxica en Galicia. Se queres sumarte á campaña pola transparencia, únete. Pedímola xuntas e xuntos.


Fontes consultadas

  1. A historia do inmoble adquirido en Lugo e o proceso de compra

  2. Análise económica dos superávits ocultos do CRAEGA

  3. Testemuños directos – Información proporcionada polas persoas afectadas polo cambio de sede.


 
 
 

Comentarios


bottom of page